Sobre nós

A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos 

En Galicia existen actulmente 26 Gupos de Desenvolvemento Rural, que se reparten por tódolos concellos exceptuando as principais cidades. 

 

 

A Bolsa de Terras da Reserva de Biosfera

No territorio da Reserva de Biosfera, ao igual que en gran parte de Galicia, vénse manifestando desde hai varios anos un proceso de abandono das actividades agrarias que, entre outras consecuencias, ten o seu reflexo no crecente número de terras agrarias ociosas ou abandonadas.

Isto mostra certas consecuencias negativas non só desde o punto de vista da produtividade agraria senón tamén da nosa relación co medio ambiente e a biodiversidade.  O abandono de terras nas paisaxes de agricultura tradicional galegas supuxo e supón a expansión das áreas de mato que conlevan a perda de hábitats seminaturais de elevado valor ecolóxico e cultural ligados á actividade humana. En moitos casos esta expansión considérase globalmente negativa xa que implica a aparición de grande cantidade de biomasa, o cal implica un importante incremento do risco de incendios e as súas consecuencias. Noutros casos, esas terras abandonadas son ocupadas por plantacións forestais conformadas por especies de crecemento rápido. Así, a simplificación e substitución dos mosaicos naturais de usos do solo característicos do medio rural tradicional por monocultivos empobrece enormemente a biodiversidade asociada aos primeiros.

Por que xorde?

A Asociación Mariñas-Betanzos, ente xestor da RB “MCeTM”, traballa dende o ano 2011 a prol do fomento da inserción laboral no sector agroalimentario a través dos Programas Integrados para o Emprego promovidos pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Deste xeito, cerca de 350 persoas desempregadas teñen recibido formación teórico/ práctica centrada principalmente na produción agroecolóxica, na elaboración de transformados agroindustriais e no “emprego verde”.

Esta experiencia permitiu recoñecer as principais necesidades das persoas novas entrantes de cara a poder materializar as ideas pretendidas. Entre estas eivas reflíctense de maneira moi destacada as dificultades de acceso a terreos de produción, así como o investimento necesario para o establecemento de estruturas para a produción e/ou transformación agroalimentaria.

Esta situación contraponse á crecente cantidade de terreos improdutivos na Reserva, co inmobilismo socioeconómico e os prexuízos medioambientais conseguintes. Así xorde a idea da creación da Bolsa de terras da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Scroll al inicio