O sector agrario galego enfróntase a un importante reto demográfico. No 2020 soamente o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos e o 54% destes tiñan máis de 60, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, o modelo clásico de relevo xeneracional intrafamiliar xa non é suficiente.
A incorporación das chamadas novas entrantes, persoas que se incorporan desde outro sector diferente ao da agricultura, é fundamental para o mantemento do tecido agrario a longo prazo tanto en Galicia coma no resto do territorio europeo.
Estes novos axentes do sector carecen en moitas ocasións de coñecementos ou experiencia agraria, de propiedade de terras ou mesmo de conexións directas co medio rural, que son elementos críticos para iniciar unha actividade produtiva, inda que gozan doutras vantaxes con respecto a outros agricultores e agricultoras que se incorporan pola vía clásica.
.
O Grupo Operativo TERRACTIVA nace na procura dunha mellora das capacidades técnicas e da xeración de recursos no apoio a novos entrantes no proceso de incorporación á agricultura. España precisa «redoblar os esforzos … para a redución dos obstáculos no sector» segundo a Comisión Europea. Os resultados deste proxecto son de uso directo para aquelas entidades e persoas que os acompañan, como facilitadores e asesores durante a súa instalación (cooperativas agrarias, grupos de desenvolvemento rural, técnicos de emprego, oficinas agrarias comarcais, etc.).
En concreto, elaboráranse directrices e un inventario de recursos legais, financieiros e técnicos para guiar aos novos entrantes no acceso a terras agrarias, incluíndo unha plataforma SIX-web con funcionalidades de búsqueda de terras e facilitación na intermediación a nivel local. Ademais contamos cunha guía de acción e un inventario de recursos dispoñibles para que as entidades de apoio acompañen de xeito integral aos novos entrantes.
Así xorde esta plataforma, que trata de dispoñibilizar os recursos xerados a través do proxecto Terractiva e de facelos máis accesibles e útiles para todas as persoas que precisen facer uso deles.
Seguindo a liña de intereses das persoas novas entrantes, porase o foco en modelos agroecolóxicos de horta e avicultura artesanal, producións con alto potencial de crecemento en Galicia e en especial nan Mariñas, contribuíndo así á súa sostibilidade e diversificación no contexto da Estratexia da Granxa á Mesa e do futuro Plan Estratéxico da PAC.